Recibimos o seguinte comunicado, que polo seu interese reproducimos:
SE RESIDES, DECIDES
Compostela, 17 de Febreiro de 2009
Estimados Sres. e Sras.
Como decerto saberá, o pasado 12 de Febreiro foi constituída en Compostela unha plataforma cidadá que baixo o lema Se resides, decides traballará por conseguir a reforma en profundidade da actual Lei Orgánica de Rexime Electoral Xeral (LOREG, 5/1985) que regula o dereito de sufraxio e o seu exercicio.A iniciativa aspira a dar resposta ao amplo sentir cidadán crítico coas manifestas eivas do actual sistema electoral, que recoñece dereito pleno a colectivos que residen no exterior e cuxo único vínculo co país consiste precisamente no exercício do dereito a voto -e todo o que ese exercicio leva aparellado- ao tempo que mingua, ou directamente nega, dereitos a colectivos que residen de forma permanente no país (mariñeiros, penados, imigrantes).
Trátase, como é sabido, dun problema que a nosa sociedade arrasta desde hai moito tempo e que nos últimos anos adquiriu proporcións que dificilmente pode admitir unha sociedade que se reclama democrática.
As persoas que formamos a plataforma entendemos que o voto há de ser un dereito de residencia, non de sangue e, por iso mesmo, queremos que o exercicio dese dereito sexa recoñecido de maneira efectiva a todas as persoas que residen de forma estábel e permanente na nosa comunidade. Pola mesma razón, entendemos que os dereitos que se recoñezan ás persoas de orixe galega que residen de maneira permanente no estranxeiro deben ser regulados de acordo con esa situación.
A súa formación política concorre às eleccións do próximo 1º de Marzo e, nese sentido, interesa, cremos, que a cidadania galega coñeza as suas reflexións e propostas sobre este asunto que tan directamente afecta a saúde democrática da nosa sociedade.
Queremos portanto solicitarlle que no decurso da presente campaña manifeste de forma clara e inequívoca o parecer da sua formación sobre a actual Lei Orgánica que regula o direito a voto e sobre a sua eventual reforma.
Asi mesmo, se a sua opinión é favorábel á reforma que promove o noso colectivo, agradeceríamos adquirise o compromiso público e firme de pór todos os medios ao seu alcance para que o novo parlamento galego adopte, dentro das suas competencias, todas as medidas que poidan conducir a ese fin. Compromiso que, no caso de a sua formación política ter presenza no Congreso dos Deputados, deberia loxicamente ampliarse a este ámbito.
Na certeza de que prestará a máxima atención á nosa solicitude, temos o pracer de saudalo moi cordialmente,
Avelino Pousa Antelo, Víctor Moro, Fernando Martínez Randulfe, Quico Cadaval - Director de teatro, Afonso Eiré, Miguel Barros, José António Redondo López, Luís Caramés, Ugia Pedreira, Uxia Senlle, Xurxo Lobato, Eias Torres Feijó, Margarita Ledo Andión, Antón Reixa, Xesus Seixo, Manuel Bragado, Henrique Monteagudo, Luís Gonçalez Blasco, José Alberto Garcia Suarez, Rosa Verdugo Matês, Elvira Souto, Ramom L. Suevos.
Para atopar información adicional, realice a seguinte consulta en google.
- Blog de Administrador
- Comentar
- 531 lecturas

